Dende o primeiro día que vin o calendario do ano 2014 das rutas de “Paso Miúdo”, os meus ollos caeron directamente na data do 9 de febreiro: a ruta programada para ese día era a “Pena de Millares” (Ribeira de Piquin). A ilusión que sentín ten doada explicación xa que son as terras veciñas ao lugar onde me criei, a “Serra de Meira”. Son as mesmas terras que tantas veces crucei para ir ver a meus avós, que eran da Fonsagrada, e son as mesmas terras que conta miña nai que cruzaba a cabalo para vir ós mercados a Meira. De todo iso é de onde sae a miña emoción ó encontrarnos hoxe aquí, a piques de desfrutar desta ruta cos meus compañeiros de “Paso Miudo”.
O noso andar comeza no “Chao do Pousadoiro”, capital da Ribeira de Piquin. Alí tomamos un cafetiño na “Casa Horacio” na que nos atopamos cos cazadores que ían para esa mesma zona. Aproveitando a ocasión, xa os informamos de que nós habíamos andar rondando para saber xa uns dos outros e poder desfrutar todos das atividades sen incidencias.
Comezamos coa foto oficial do grupo e deseguido nos poñemos a camiñar. O primeiro que nos impresiona é o caudal que leva o “Río Eo”. Ó pasar a ponte desfrutamos das vistas da caída da agua que ten o río ó seu paso pola praia fluvial, a cal teñen moi preparada alí mesmo, no “Chao”, onde no verán se enche de xente para desfrutar do frescor do río. A poucos metros comezamos o noso ascenso ata o “Mirador de Pena de Millares”, con unha costa ben pendente.
Despois de pasar entre os pobos onde a xente nos miraba cunha cara como pensando “ Para onde irán estes tolos co tempo que fai?”, aínda que eles estarán curtidos polo tempo porque a pesar de que nós levábamos un bo pedazo xa subindo, aínda non acabábamos de entrar en calor e en cambio eles… ben coloradiños que estaban! Quédome co que nos dixo un dos veciños que estaba xusto onde comeza o monte ata o mirador. Dixo: “Por aí hai lobos”. Nese momento pásache polo corpo coma un chispazo, pero foi só un latigazo e seguimos adiante olvidándonos do comentario. Ata o mirador, o ascenso é máis complexo por un camiño estreito, pouco transitable e cheo de agua que corre polas penas da cor do ferro. Imos pouco a poco achegándonos á cima, nótase no aire frío que corre, e deseguido se presenta o sinal que nos indica o mirador a uns 150 metros. Algúns optaron por quedarse alí esperando e a maioría fomos ata o mirador. A verdade mereceu a pena, porque dende alí pódese divisar en todo o seu explendor o “Valle do Eo”, a “Serra de Pena Armada” por un lado e a “Serra de Meira” polo outro.
Pasamos o descenso. Dende o mirador víase como baixaba pola ladeira da montaña, chamado “Monte de Acebedo”, en zig-zag, entre eucaliptos e pedregales que ó pasar polo pico deles deleitábannos co son das aguas subterráneas. Unha vez feito o descenso, dirixímonos á “Área Recreativa a Retorta”.
Unha vez máis, sorpréndenos a cantidade de agua que leva o río. Cando chegamos á área, preguntámonos como imos facer para seguir a ruta polo pé do río, pero ninguén de nós se plantea non seguir co noso obxectivo: rematar a ruta guiándonos por onde está marcada. E aló imos. Á beiriña do río imos camiñando, desfrutando iso si dunha fermosa paisaxe, mentiría se dixese o contrario, que eu, persoalmente, xa non as tiña todas comigo porque sufro de ansiedade e vértigo e ver o río así tan bravo impoñíame, non sabía o que estaba por vir jeje. Botando a vista adiante, xa vemos que hai uns tramos polos que temos que buscar alternativas, xa que a ruta está anagada. Aló nos botamos polo medio do monte. Uns, máis por enriba, incluída eu. Outros, máis pegados ó río. E pouco a pouco con moito xeitiño e todos unidos voltámonos a incorporar á ruta, ríndonos despois dos nervios pasados.
Por certo, gracias Javier por esa man firme, Fina e Mº Carmen por abrirme camiño e ó resto polos animos jajajaja.
Xa con fame e despois de tanta aventura, dirixímonos ó “Chao”, caendo as primeiras gotas despois de toda unha maña despexada e cun bo tempo que despois da semana que levábamos de temporales non contabamos co día así.
Finalizamos a xornada cun xantar delicioso na “Casa Horacio”, a quen agradecemos que nos tiveran informados durante toda a semana sobre o estado da ruta e o tempo.
Despídome das terras da “Ribeira de Piquin”, recomendándolla a todos os sendeiristas, xa que vou chea lecer.
Begoña Fernandez Perez
martes, 11 de febrero de 2014
Suscribirse a:
Entradas (Atom)